miércoles, 31 de agosto de 2011

PREPARACIÓN CAMARÓNS COCIDOS

Para cocer os camaróns:

-Poñer no lume unha perola con auga, engadir sal ata deixar a auga salgada como se fose auga de mar (35-50 gramos de sal por litro).

-Cando ferva a auga botamos os camaróns. Un minuto o minuto e medio de cocción será suficiente.
(Pódese botar loureiro)

-E para que queden máis duros e brillantes, imos empregar un pequeno truco. Cando estean listos, ímolos poñer nun bol con auga fría con xeo e sal.

RECEITA - POTA GUISADA CON PATACAS

INGREDIENTES (para 5 persoas):

Ingredientes....

1,5 kg de pota

1,5 kg de patacas

2 cebolas

1 pemento vermello

2 dentes de allo

2 tomates maduros e pelados

1 cunca de chícharos

Azafrán

Viño branco

Aceite de oliva e sal



-Nunha cazola poñemos un fondo de aceite no que refogaremos o allo, a cebola e o pemento ben picados. Cando a cebola estea transparente, incorporamos as potas limpas e cortadas en anacos, deixamos que se fagan durante dez minutos e entón engadimos o tomate cortado en anacos e despois duns minutos as patacas tamén cortadas en anacos para guisar, botamos o viño, un pouco de auga e o azafrán e o colorante. Cando as patacas estean feitas (uns 25 minutos despois aproximadamente), xa o podemos servir.

-Podemos acompañar este guiso cunha ensalada de espetos, feita con anacos de aguacate, dados de mazá, tomatiños cherrys e camaróns cocidos e pelados, todo regado cunha vinagreta.

martes, 30 de agosto de 2011

RECEITA - ENSALADA DE ESPINACAS

INGREDIENTES (para 5 persoas):

Follas de espinacas lavadas

Dados de mazá golden

Dados de tomate

Sementes de sésamo

Aceite e Sal


- Colocamos as follas de espinaca facendo dúas coroas, coas puntas para fóra.

- Amoreamos os dadiños de mazá no centro.

- Tamén os dadiños de tomate.
- Engadimos unha cullerada de sementes de sésamo.

- Poñemos aceite e sal (mesturados)

RECEITA - NAVALLAS EN VINAGRETA

INGREDIENTES (para 5 persoas):

2 ducias de navallas en auga con sal (para que expulsen areas)

Cebola nova, pemento vermello, pemento verde, un dente de allo, perexil.

2 ovos cocidos, aceite, vinagre de boa calidade, perexil e sal.

- Empezamos por abrir as navallas cocéndoas un minuto en pouca auga con sal.

- Retiramos as navallas do lume, deixamos que arrefríen uns segundos para que non queimen e desbotamos as cunchas (coa axuda dun garfo) .Poñémolas nunha fonte.

- Picamos as verduras: dente de allo, cebola nova, pementos vermello e verde, e os ovos. Xuntamos no bol as verduras picadas e os ovos tamén picados. Remexemos mentres incorporamos aceite de oliva, vinagre e sal. (Proporcións 3/4 de aceite e 1/4 de vinagre).

- Remexemos ben para emulsionar un pouco a vinagreta e botámola porriba das navallas.


- Rematamos co perexil picado e listo!

RECEITA: LENTELLAS CON VERDURAS E PASPALLÁS

INGREDIENTES (para 5 persoas):

500 grs de lentellas, a remollo desde a noite anterior

5 paspallases

2 allo porros

2 cenorias

2 cebola

250 gr. de xamón (unha fatía grosa para facer taquiños)

1 pemento vermello

1 tomate maduro

Allo, perexil, sal

Aceite de oliva

- Empezaremos por lavar ben as lentellas (nun coador ou escorredor grande), debaixo da billa, para que se liberen totalmente de pó e restos de terra.

- Agora imos repasar os paspallases.

- Preparamos un machucado con allo, perexil e sal para adubar os paspallases, por dentro e por fóra.

- Cortamos as verduras e o xamón (en taquiños) e o botamos coas lentellas nunha tarteira e cubrimos todo con auga, engadimos sal. Deixamos cocer entre 30 e 40 minutos a lume maino.

- Na tixola poñemos un fondo de aceite e, nese aceite quente, douramos os paspallases. Douradas as aves, incorporámolas á tarteira das lentellas. Na mesma tixola, e co mismo aceite, imos preparar un sofrito con cebola, pemento e tomate para engadir ás lentellas. Cando estea feito o sofrito o botamos na tarteira das lentellas e deixamos que remate de facerse todo xunto.

- Cando pasen os 30-40 minutos probamos as lentellas e miramos tamén que as aves estean xa feitas, é dicir, que a carne se desprenda con facilidade do oso cando tiras un pouco dun zanquiño.

-Empratamos e levamos á mesa.

A ILLA DO TESOURO


Os lambóns máis simpáticos da Televisión de Galicia regresan hoxe martes, sobre as dez da noite, cun novo capítulo no que o cociñeiro de Chapela, Benigno Campos, e a súa axudante Lola prepararán un riquísimo guiso de pota que lles vai quitar o sentido, ademais como aperitivo os noso amigos vanse dar un gusto: prepararán uns camaróns das nosas rías.

Para tan ricos manxares o xornalista de investigación Tomás Alonso desprazarase ata a Illa de Arousa, na provincia de Pontevedra, para visitar a batea do seu amigo Alfonso. Tomás vai a batea pero non a por mexillóns, vai por camaróns, os mellores do mundo.

O primeiro que terá que facer o noso larpeiro itinerante vai ser coller o trueiro ou truel para ir percorrendo con el esas algas chamadas golfos, que tanto lles gustan os camaronciños.

Así que unha vez coñecida a teoría sobre o mundo do camarón, Tomás irá cara a Pontevedra, para visitar no mercado ao seu amigo Marcos. O seu peixeiro de cabeceira prepararalle unha boa pota, cuns camaróns e unha cabeza de peixe sapo para o guiso.

Veremos como lle queda a Benigno ese guiso. Atentos o prato, larpeiros. Eu non o perdería, lambonciños!!

lunes, 1 de agosto de 2011

TRES EN RAIA

O martes día dous de agosto ás 22:15h na TVG, D.Benigno terá como obxectivo darlle gusto aos larpeiros cun prato ben rico: unha caldeirada de raia e unhas empanadiñas de mexillóns como aperitivo.
En Portonovo, Tomás vai recibir un curso acelerado de peixes planos como o rodaballo, o coruxo, a solla ou o linguado, pero o que realmente vai pescar o noso mariñeiro de auga doce son raias, ou mantas de mar…eses peixes ricos, finos e delicados.
En fin, veremos como lle queda aos nosos intrépidos cociñeiros este guiso mariñeiro.