lunes, 2 de febrero de 2009

As albóndigas de Nico Villar


Nadal de 2008. Xa sei que a foto non se corresponde co título, pero o blog é meu. Os retratados coincidimos nos Viveiros do Berbés, en Vigo. Nico, un tipo de gorro vermello ó que non recoñezo pero que debo ser eu, Papa Noel e un lumbrigante que metía medo mesmo coas tenaces atadas. Nicolás Villar acudiú á chamada dos larpeiros para asesorarnos sobre cómo elixir con criterio unha ducia de nécoras para que Benigno as pasase pola tixola, un prato que, por certo, provocou moita inquietude no contorno do programa, pero que uns días máis tarde Benigno resolveu coa súa habitual mestría. Aquel día, no que se desenvolveu diante da cámara coma un profesional do medio, decidimos convidalo á casa para que fixera unha orixinal receita de albóndigas con piñóns e salsa de queixo de Arzúa-Ulloa; ese programa poderemos velo este mércores 18 de febreiro. De verdade, eu nunca provei unhas boliñas de carne picada tan sabrosas. Agora Nico, que traballa como cociñeiro no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, debe estar a piques de enrolarse no barco dun importante deseñador alemán para realizar unha travesía de seis meses polos diferentes portos do noso continente. Nico, volve canto antes que necesito unha nova dose desas albóndigas tan orixinais. Entre as femias do equipo, debo recoñecer, tamén causaron furor as boliñas do rapaz. Grazas por comparti-la túa sabedoría culinaria cos larpeiros e, cando queiras, aquí estamos!