lunes, 28 de junio de 2010

"UN SEÑOR CON OITO PERNAS"


Este xoves volven as aventuras dos larpeiros máis simpáticos da Televisión de Galicia cun programa que se emitirá o primeiro de xullo as 22,30 sobre o polbo galego.

Nesta ocasión visitará a casa dos Larpeiros unha das pulpeiras máis famosas do Carballiño, Aurora Baranda, unha muller que leva máis de trinta anos cocendo o polbo e facendo unha obra de arte con cada ración. Aurora acode a cita cargada con tódolos seus trebellos e preparará un pulpo á feira que seguro non defraudará a ninguén.

Entrementres, o larpeiro itinerante Tomás Alonso realizará a súa peculiar investigación no concello de Bueu, concretamente, nas augas que baten a costa da illa de Ons, onde o seu amigo José Manuel aprenderalle as artes dos naseiros que cada día saen a pescar este cefalópodo.

Logo ten pensado ir ó mercado de Teis, en Vigo, a por un exemplar de dous quilos, unhas verduriñas e, se ten tempo, pasará por Lalín para levarlles aos seus amigos algo do rico embutido lalinense.

Benigno non vai quedar cos brazos cruzados, coa axuda de Lola, Leni e Aurora ten previsto facer un guiso de polbo deses que quitan o sentido…

Así que, xa sabedes larpeiros e lambonciños do país, eu non o perdería por nada do mundo. Todo este menú e, ademais, podería caer polo medio algunha peza que boten Leni, Benigno ou Lola polo camiño…

Lembrade, as dez e media da noite, na Galega, os Larpeiros xúntanse de novo para preparar un bo pulpo.

Un saúdo e ata a semana que ven!