lunes, 10 de octubre de 2011

Mércores 12/10/11, ás 22:30h aprox. na TVG: "Marchando unhas navallas"




Os lambóns máis simpáticos da Televisión de Galicia regresan cunha receita con verdinas ou ‘fabas de marisco’. A receita que propón o noso cociñeiro serán unhas navallas con verdinas.

Para tan ricos manxares o xornalista de investigación Tomás Alonso desprazarase ata o concello de Moaña, concretamente ó areal da Xunqueira. Alí quedará con Alicia, unha mariscadora de primeira que lle amosará todo o relacionado coa recollida das navallas de calidade que saen desa zona.

Unha vez rematada a dura xornada de mariscador, Tomás colle rumbo ó mercado de Moaña para comprar todos os ingredientes que precisa Benigno. Do mercado levará unhas navallas da ría de primeírisima calidade, ademáis de diferentes legumes para a receita.

Unha vez na cociña comeza o laborioso proceso de elaboración da receita de hoxe, unhas navallas con verdinas. Pero aí non queda todo, porque os larpeiros obsequiaranos cunha lambetada: unha rica crema de pexegos.

Veremos como lle queda a Benigno e a Lola o plato, e a lambetada….

Eu non o perdería, lambonciños!

SARDIÑAS CON QUEIXO DE SAN SIMÓN

INGREDIENTES (para 5 persoas):

Un par de sardiñas pequenas por cabeza

Un pouco de queixo San Simón

Un cacho de cabaza

Brócoli



O primeiro é cocer a cabaza nunha tarteira pequena con auga. Troceamos a cabaza e poñémola a cocer con algo de aceite e sal uns dez minutos.

Despois hai que limpar e facer 2 lombos con cada sardiña e colocar unha tixola pequena para poñer as sardiñas. Dámoslle un golpe de prancha ás sardiñas pola cara de dentro.

Colocamos as sardiñas nun prato que poida ir a microondas. Cortamos finas láminas ou lascas de queixo San Simón e poñémoslle a cada sardiña unha fina lasca de queixo porriba. Un minuto no microondas, para que funda o queixo é suficiente.

Mentres, a cabaza xa está cocida. Escoamos a cabaza e esmagámola coa axuda dun garfo, mái un fio de aceite e unha areiña de sal. Podemos poñerlle unha pinga de nata para que quede mais fino este puré.

Para empratar poñemos un rectángulo de puré de cabaza e sobre cada rectángulo unha sardiña co seu queixiño fundido.

BACALLAU CON SALSA DE TOMATE

INGREDIENTES (para 5 persoas):

5 talladas de bacallau (bo, groso e ben desalgado)

Para a salsa :

Un par de quilos de tomates maduros

Cebola nova, allo e aceite.

Azucre (unha pisca)

Para acompañar:

5 patacas

Un pemento vermello,

outro verde.

unha cebola nova.





O primeiro é pochar a cebola tenra e o allo. Mentres, cortamos os tomates.

Incorporamos os tomates á tarteira, cunha pisca de sal e outra de azucre. Deixamos que se faga todo na tarteira (destapada) durante unha hora e media.

Poñemos a quecer o forno para o bacallau, secamos ben as talladas ou postas de bacallau con axuda dun pano, poñemos unha tixola no lume cun pouco de aceite

Enfariñamos o bacallau. Fritimos as postas de bacallau polos dous lados, na tixola.

Logo, reservamos as postas e conservamos o aceite da fritura.

Poñemos unha tarteira con auga para cocer as patacas escachadas (cortadas en cachos pequenos-medianos), tamén engadimos: pemento vermello, pemento verde, cebola e

un chorro de aceite.

Nunha fonte de forno poñemos capas: unha de salsa de tomate, unha de bacallau,

outra de salsa e un pouco do aceite de fritir o bacallau.

Metemos o bacallau no forno e en 15- 20 minutos estará listo.

Dispoñer todo nunha fonte: o bacallau coa súa salsa, e as patacas cocidas e aromatizadas polas verduras á súa beira.