jueves, 29 de enero de 2009

Larpeiras nas escaleiras


Nadal de 2008. Coas larpeiras nunca se sabe. As veces suben, as veces baixan e as veces marchan de viaxe como a señoriña Lemos, unha larpeira viaxeira que sempre anda detrás das cámaras e que agora decidiú colocarse diante para pousar xunto a Marian, primeira pola esquerda, Cruz, a que leva lentes, e Lola, a do mandil. Marta é a de pelo rizado, a máis morocha das catro. Ela, ademais de facer un marmelo con noces de primeira división, nos seus ratos libres é guionista e documentalista do programa. Nunhas horas estará voando cara a Polinesia na procura de quen sabe que ou quen. Moi boa viaxe e feliz estadía de parte de todo o equipo de Larpeiros. Marian quedará aquí coas súas masaxes terapéuticas e a súa filosofía zen, ademais de dar algúns cursiños de cociña vexetariana nas aulas de Caixanova. Cruz seguirá coa súa cruzada anti-leite de vaca (so bebe leite de soia ou en pó) mentres atende as súas tendas de zapatos e Lola, ay!, Loliña, entre o coro e César non vai ter tempo para nada, bueno, para ver ós netos sácase tempo de calquera parte. Falta Manola, que estivo facendo no primeiro programa uns chocos riquísimos con arroz e falta Lola de Mañufe, que xa terá o seu lugar no blog máis adiante, ah!, e Mari, que nos fixo uns garavanzos con mexillóns estupendos. Igual non están tódalas que son, pero sí son tódalas que están. Grazas a todas por ser tan riquiñas. Bicos mil, larpeiras!

martes, 27 de enero de 2009

Tres larpeiros e unha chiruca

Novembro de 2008. Os deuses estaban do noso lado. Un día espléndido do marabilloso outono galego en Praia América. Tres homes e as súas armas, Novoa coa cámara, Alonso coa cana e Cermeño coa súa experiencia de pescador profesional debaten sobre a maneira na que poderían capturar unha robaliza de dous quilos e así aforrarlle uns cartiños ó departamento de produción. As dez da mañá o soño destes homes parecía tan complexo coma que un negro chegase á Casa Branca. As dúas da tarde o de Obama estaba case feito e o da robaliza era unha hipótese de traballo coa que xa case ninguén do equipo contaba. Quince minutos despois unha bota marrón de boy scout, a coñecida como chiruca, enganchábase na rapala de Tomás e case acababa coa bonita cana que Cermeño lle prestara para a ocasión. Seguinte fotograma da película: Peixería Casa Botas de Vigo, tres tipos de mediana idade, un deles con gorra vermella, outro cun chapeu de Papa Noel e un terceiro cunha cámara pendurada do ombreiro mercan unha soberbia robaliza de dous quilos que logo iría directamente ás mans de don Benigno. Máis cedo que tarde esa robaliza ha ser nosa. Seguro!

lunes, 26 de enero de 2009

Don Benigno, o gran mestre da robaliza



Nadal de 2008. Don Benigno Campos é o cociñeiro titular de Larpeiros, un gran tipo.Coñecino por casualidade no ximnasio do R.C. Náutico de Vigo grazas a Xosé Cal e, tras compartir con el e con outros lambóns un cocido de categoría superior en casa Trabazo, na Estrada, estivemos bastante tempo sen vernos en actos sociais e gastronómicos. Cando en xaneiro de 2008 falamos de facer un casting para fichar larpeiros o primeiro nome que pasou pola miña cabeza foi o deste sindicalista comprometido que agora trocou a militancia social polo loita activa nos fogóns. Cociña como vive, con paixón, entregado ó que fai e gozando con todo o que prepara. Non é doado encontrar un chef que disfrute tanto vendo disfrutar os demais; so así se explica a cantidade inxente de amigos que ten polo mundo adiante, e os que lle van saíndo logo de velo cada mércores en Larpeiros. Unha aperta e a coidarse, que a saúde é o primeiro. Por certo, o robalo que preparou para o programa, co que pousa tan fachendoso na foto, estaba de cine. A seguir así.

O doutor Cermeño en acción

Novembro de 2008. Durante a segunda temporada chegamos a gravar 15 programas. Dous para o mes de nadal e 13 para os meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril. No Pazo do Pousadouro, construído no século XVIII e situado no contorno de Redondela realizabamos cada martes e cada xoves as escenas correspondentes á cociña e o comedor, ademais dalgún exterior que case sempre tiñamos que anular polo frío ou pola chuvia. Na foto, o que aguanta a carpeta cos guións na man dereita é o noso gran director e sempre admirado Xosé Cermeño, tamén coñecido como o doutor Cerme. O que fai coa man esquerda xa é un asunto no que seguimos investigando. Aquel día, mentres Eva, a produtora intermitente, tiráballe unha foto a Coque, o cámara oficial, nós, os larpeiros atendiamos as explicacións e os sabios comentarios do noso director, aínda que na foto no quede moi claro, era así. De verdade.
El deseñou este marabilloso invento chamado Larpeiros. Despois de moitas dúbidas iniciais nas que o innovador formato estaba aínda por definir, o creador moveu as pezas do quebracabezas ata que o primeiro programa "Un asunto moi negro", no que se cociñaban chocos con arroz foi unha realidade.

A trinidade creadora



Xaneiro de 2009. Aquí comezou todo. Un xenio da informática, Rafa Román, un larpeiro con gañas de aprender, Tomás Alonso, e unha fotógrafa de garantías, Marta Lemos, xuntos diante dun ordenador e un teléfono, aínda que o teléfono é máis ben para disimular porque, de momento, non chamamos a ninguén para darlle a paliza e convidalo a que entre en obxectivo larpeiro. Así naceu este blog fotográfico no que iredes vendo cómo fixemos estes 25 primeiros programas de Larpeiros.

jueves, 22 de enero de 2009

A pé de porco en Lalín



















Xaneiro de 2009. O equipo de Larpeiros viaxou ata Lalín para ver cómo traballan o porco os de embutidos Lalinense. Na foto estamos os de sempre, pero nesta saída, ademais de Novoa, Cermeño, Lemos, Alonso e Son, non puidemos dicirlle que non ó produtor do programa, Emilio José Fernández. É o pequecho de barba que se aperta ó director e á documentalista. Normalmente non viaxa co equipo, pero é de Lalín, bueno de Moneixas e, claro, non quería perderse tan magno acontecemento. Cando paseabamos pola rúa puidemos comprobar que a xente sinte un certo aprecio por este rapaz, vamos, que lle queren ben. Nós tamén.

Unha vez na fábrica asistimos a todo o proceso de elaboración do lacón e dos chourizos do Deza. Logo fomos á tenda para mercar algo de touciño entrefebrado, lombo curado, xamón, chourizos e, por suposto, lacón. Uns produtos de primeira calidade elaborados e distribuidos por unha familia de primeira calidade humana e profesional. Longa vida a embutidos Lalinense e grazas polo trato que nos destes eses días.

miércoles, 21 de enero de 2009

Entre amigos e bateas















Outubro de 2008. Tres bateeiros e un bolseiro (o da camisa a cadros e a gorra) pousan e repousan para a reporteira Marta Lemos. Sentados sobre unha traveseira da batea semellan esgotados tras un día de faena no medio da Ría de Vigo. O patrón do Lojo, o moañés César, e os seus fillos José e César recibironnos con moito agarimo. Deles aprendimos case todo sobre a cría do mexillón en batea. César é o home de Lola, unha larpeira cum laude que cada mércores dá réplica o mestre Benigno na cociña. Para Tomás, outro larpeiro profesional, foi toda unha experiencia: subir a unha batea, e non caer, facer cordas coas crías do mexillón, seleccionalos e metelos en sacos para levar a depuradora... Un master mexilloeiro que difícilmente esquecerá. Grazas por facernos o traballo tan doado.

O equipo larpeiro en Hifas da Terra


Setembro de 2008. Visitamos o cuartel xeral de Hifas da Terra, unha empresa pontevedresa que se ocupa da produción ecolóxica de cogomelos e da súa venda ó público. De esquerda a dereita e non necesariamente atendendo a criterios de afinidade política encontramos o doutor Cermeño, director do programa, Manuel Novoa, realizador e cámara, Xoan Son, sonidista, Marta Lemos, documentalista e Marquesa da Polinesia, Tomás Alonso, presentador e larpeiro diplomado e as nosas anfitrionas María e Mila, de Hifas da Terra. Todos ben xuntiños para a foto, naquel día no que estas guapas mozas nos aprenderon que as setas poden ser sementadas nos troncos dalgunhas árbores . Micorrizadas grazas pola vosa paciencia e se alguén quere saber máis sobre produtos micolóxicos a súa páxina web é http://www.hifasdaterra.com/