miércoles, 23 de diciembre de 2009

BO NADAL



O programa Larpeiros celebrará o especial de noiteboa na galega cun menú moi apropiado para tan sinalada data. O cociñeiro Benigno Campos elaborará un Pastel de marisco e pescada como primeiro prato e de segundo ofrecerá aos comensais un rico e saboroso Capón de Vilalba recheo con ameixas pasas, xamón, mazá reineta e carne de porco. Para darlle unha cor e un sabor especial ó prato o mestre Campos e a súa axudante Lola Gestido acompañarán o capón cunha Lombarda salteada con albaricoques.

Ademais dos lambonciños habituais Tomás Alonso, Leni Pérez, Cruz Armada, Benigno Campos e Lola Gestido, neste xantar tamén sentarán á mesa dúas lambonciñas de primeira, as rapazas Ana e Martina. Malia a súa corta idade, 12 anos, estas larpeiriñas demostrarán que están preparadas para o que lles boten. Poden cantar unhas panxoliñas coma os anxos ou saborear co seu particular criterio os manxares que cociñan os maiores.

Nas excursións previstas para este espazo o noso larpeiro itinerante Tomás Alonso visitará un criadeiro de capóns en Vilalba e unha leira no concello de Vedra na que se cultiva lombarda.

Pola súa parte, Leni desprazarase ata A Guarda para ver cómo se fai a langosta de mazapán típica da zona. O recoñecido reposteiro galego Manuel Lomba, será o seu anfitrión.

Cruz Armada visitará a praza de Cangas, onde mercará unha pescada e un quilo de langostinos para face-lo pastel que abrirá este exquisito menú.

O programa terá unha duración de 50 minutos e ten prevista a súa emisión a noite do 24 de nadal.

viernes, 27 de noviembre de 2009

Tomás e os larpeiros vistense de gala


Os larpeiros vestiranse de gala para unha comida moi especial, a de noiteboa. Desta vez o noso cociñeiro Benigno Campos cociñará un capón de Vilalba recheo ó forno, acompañado de lombarda con albaricoques e un entrante rico rico: un pastel de pescada e langostinos. Para ver as aventuras dos nosos larpeiros teredes que agardar unhas semanas... menuda larpeirada!!!.
Na imaxe podedes ver a Tomás todo traxeado, gracias a cesión da tenda Boxer de Vigo.

viernes, 6 de noviembre de 2009

As novas aventuras de Tomás




A partires de xaneiro a Televisión de Galicia comezará a emisión das novas aventuras de Tomás Alonso. Nesta cuarta temporada o programa Larpeiros moverase por toda Galicia na procura de novos ingredientes cos que Benigno Campos nos sorprenda cas novidosas receitas: unha pescada á sidra, un polo con castañas, un coello estofado, un cordeiro ó mel,... estas e moitas máis farán as delicias dos aficionados á cociña larpeira.


Xosé Cermeño, o creador do formato, ideaou novos viaxes de Tomás Alonso. Teremos uns programas nos que o noso particular investigador terá que loitar con pavos en Boimorto; traballar como apicultor nunha finca chea de colmenas en Bembrive (Vigo); aprender a recoller as mellores castañas nos soutos de Moneixas, en Lalín; intentará ser cazador de coello por un día nos montes que rodean a vila de Rodeiro; visitará uns porcos celtas moi felices preto da costa na costa da Morte, en Corcubión; irá a Illa de San Simón a pescar unhas anguias; coñecerá os segredos da sidra ecolóxica de Chantada; volverá a comarca do Deza a coñecer o mellor leite do mundo;... Podedes ver algunhas das imaxes que nos deixaron estas gravacións, como nas castañas, tomás e o equipo no mel e cos cazadores en Rodeiro.

De todas maneiras, seguimos emitindo programas da terceira temporada tódolos xoves a partires das 21:30 horas. Larpeiros mantén o seu liderazgo de espectadores cunha media do 21 % de audiencia. O equipo está formado por un grupo de profesionais encabezados por Xosé Cermeño e Luis Collazo, Emilio J. Fernández, Manuel Novoa, Eva Penelas, Hitxu Guillán, Inés Colmeiro, Josuha Montero, Andrea Fernández, Iván Mosqueira, Iria Vázquez, Simón González, Cristina Tizón, Lucía Pérez, Jose Fernández, e ata cumplimentar un equipo de traballo de máis de 20 persoas que fan posible que o programa se saque adiante cada temporada.




Un saúdo a todos e manteremosvos informados do mundo larpeiro.

viernes, 30 de octubre de 2009

"Andamos a tortas"




Para este programa Tomás achegouse a Santiago para que lle aprenderan a facer a Tarta de Santiago, e alí grazas a Belén coñeceu os segredos deste postre tan típico do noso país.
Ademáis, os Larpeiros contaron coa visita de José Manuel de la Iglesia, afamado reposteiro do Carballiño, que fixo unha figura de chocolate da doutora Lamberetas.

jueves, 22 de octubre de 2009

Un tipo moi bonito
















Seguimos viaxando pola xeografía española. Hoxe imos coñecer un prato vasco, o marmitako, un guiso mariñeiro dos vascos, pero moi semellante ós guisos mariñeiros de Galicia.


Nesta ocasión Tomás visita Burela, a capital do bonito do Cantábrico, para mercar un exemplar de primeira.

A paella xigante




















A paella é unha receita de cociña a base de arroz cocido procedente de Valencia. Pero D. Benigno, ainda que é galego, é un especialista en preparar este prato. De feito, xa ten cociñado paellas para máis de cen persoas.


Nesta ocasión, os Larpeiros ademáis de gozar desta comida e do bo tempo, contaron coa agradable compaña dos seus amigos.






martes, 6 de octubre de 2009

Uns pican e outros non...


Esta é unha pequena pista para o programa do xoves 8 de outubro. Estes amigos de Herbón teñen moito que ver co prato que vai cociñar Benigno.

¡Un bo traballo!

Tomás e o equipo de exteriores pasaron moita calor durante a gravación desta reportaxe sobre as vacas vianesas que cría o noso amigo José Luís Vaz en Riós. Con todo, grazas a súa simpatía e a suculenta carne ecolóxica que producen as súas vacas (e que degustaron no "Asador´s Jose") ó final da xornada regresaron a casa moi satisfeitos.

lunes, 21 de septiembre de 2009

Unha xoia da ría


Aqui vemos a Benito, un dos nosos cámaras, e a súa axudante Fátima, durante a gravación do programa adicado ós chocos que se vai emitir o xoves 24 de setembro.
Como podedes apreciar, Benigno, Lola, Tomás, Leni e Lolita degustan este típico plato galego nos fermosos xardíns do Pazo Pousadouro.
Por certo, queremos agradecer a colaboración de Ramón Rivas, o patrón de "O Noso Carmen", que levou a Tomás a pescar chocos pola zona de Cesantes.

Filloas recheas



Neste programa os Larpeiros convidaron a súa amiga Bibiana Cardona do restaurante pontevedrés "La Casa de Las Cinco Puertas" para facer unhas orixinais e deliciosas filloas recheas.
Normalmente as filloas comémolas como postre, pero tamén se poden preparar con recheos salgados, e para demostralo Bibiana fixo unhas con carne de porco picada, alegrada cunhas noces e uns dátiles, e outras con verduras, neste caso espinacas e setas. Moi ricas por certo!

jueves, 10 de septiembre de 2009

NOVOS PROGRAMAS


O xoves 17 de setembro ás 21:30 comeza a emisión dos novos programas da terceira temporada de Larpeiros.

jueves, 23 de julio de 2009

O rei dos mercados


E, ¿que sería dos nosos Larpeiros sen Tomás?
Pasa os días percorrendo os mercados galegos na procura dos mellores produtos das nosas hortas, rías, etc.
Como os mellores toureiros non hai praza que se lle resista, por iso el é o rei.
Calqueira día o atopades mercando carne, peixe ou verduras na vosa vila.

Polo guisado ó xeito do Bierzo


Parte dos Larpeiros e o noso cámara Manuel Novoa "Coque" preparados para comezar a gravación dunha das secuencias do programa do polo de curral que Benigno prepara ó xeito dos nosos veciños e amigos do Bierzo, que tamén ven o programa. ¡Un saúdo afectuoso para eles!.

Peixe espada con arroz e navallas


Con esta nova receita de Benigno, os Larpeiros, ademáis de disfrutar cociñando e comendo este exquisito peixe acompañado dun innovador arroz con navallas, tamén probaron un delicioso marinado de peixe espada.
Por certo, grazas Simón.

miércoles, 22 de julio de 2009

As receitas de Larpeiros



Xa está á venda nas librarías de toda Galicia o agardado libro das receitas do programa: 'A cociña de Larpeiros, 150 receitas de Benigno Campos', editado por Galaxia.
Por fin os pratos que degustan Os Larpeiros ó alcance de todos.
O libro, ilustrado con fotografías, contén 150 receitas da cociña galega de sempre, tradicional e sinxela, pero co toque especial que aporta Benigno.

viernes, 26 de junio de 2009

Leni Pérez


Unha nova amiga, Leni Pérez, chega á mesa dos Larpeiros. Ademáis de disfrutar da súa beleza e simpatía, poderemos deleitarnos coa súa voz.

Sargo ao sal



Grazas a esta receita, e a Manuel Mariño de "Sales del Sur", descubrimos unhas montañas de sal dentro do porto de Vigo e visitamos as salinas da rúa Rosalía de Castro.
Tamén percorremos as salinas de Vilaboa acompañados polo escritor Manuel Lourenzo e probamos distintas sales do mundo na tenda pontevedresa Mimatedelicatessen.

martes, 16 de junio de 2009

O regreso dos Larpeiros


Para inaugurar esta terceira tempada, Benigno e os seus amigos, deciden preparar un solombo de porco.
O noso querido cociñeiro propón facerlle unha salsa de vermú: orixinal, sinxela e moi rica.
E, para acompañar á carne, un puré de mazás.
O resultado, salta á vista.

miércoles, 4 de marzo de 2009

Larpeiro con tomate na cabeza

Marzo de 2009. Ata aquí a primeira edición do meu blog Larpeiro. Acabáronseme as fotos que vos quería ensinar e decidín, polo tanto, baixa-lo pano e agardar á terceira temporada para continuar. Creo que en abril volveremos á rúa, os mercados, ós cortellos, ás granxas... e alí estará Marta Lemos coa súa cámara de segunda man para tira-la foto axeitada. Máis cedo que tarde eses retratos subirán a este espazo virtual no que so quixemos, durante estes tres últimos meses de vida, agradece-la colaboración de todos os que nos teñen axudado a face-lo programa e amosar en imaxes o que foron algúns momentos bonitos ou curiosos das nosas gravacións. Así xa sabedes algo máis sobre quen é quen en Larpeiros, por se vos interesaba, que non creo. Por certo, este da fotografía son eu e o tomate é da horta de Silveria. Que rico, umm!

A horta de dona Silveira

Febreiro de 2008. Non quería rematar esta primeira etapa do meu blog Larpeiro sen lle facer unha homenaxe a esta muller da península do Morrazo. Dona Silveria, un descubrimento da nosa documentalista Marta Lemos, fixo unha primeira aparición no programa que o ano pasado dedicamos ós mexillóns con patacas. E alí estivemos, no seu patacal, sachando e aprendendo un feixe de cosas fundamentais para traballa-la horta e para traballar na vida, tantas cousas aprendimos nunha soa mañá que decidimos volver. Desta volta fomos por pementos, tomates e leitugas; tan bo aspecto teñen os seus produtos que lle din no mercado que non son da súa horta, que son de fóra. Nos damos fe de que ela mesma os coida con todo o agarimo do mundo. Esta noite poderedes vela de novo no programa dos Paspallás engaiolados. Os seus pementos son marabillosos, os tomates teñen unha cor e un sabor especial e as leitugas (a risa e a lisa, como di ela) son natuirais e sabrosas cento por cento. Grazas por ser como es, Silveria.

O cabreiro larpeiro

Novembro de 2008. Visitamos unha finca en Campo Lameiro na que se dedicaban a criar cabritos. Alí fixemos de todo: conducilos do cortello ó campo, do campo ó fechado e do fechado outra vez o cortello. Polo medio máis dunha ducia de anécdotas. Se cadra, o ataque patuno da vaca mentres a ordeñaba con pouca maña xa o puidestes ver no programa sobre o cabrito ó forno do mes pasado. Este tenro momento de intimidade entre Sarita e máis eu creo que ben merece un oco neste blog. Nin que dicir ten que Sarita librou de pasar polas mans de don Benigno, foi indultada por un servidor e seguro que hoxe aínda está polos montes da comarca. Aquel momento mamadeira dificilmente o esquecerei, foi dos máis bonitos dos últimos meses, non todo vai ser papar. Os larpeiros, aínda que non o pareza tamén temos sentimentos.

jueves, 26 de febrero de 2009

O día no que petou o forno

Xaneiro de 2009. Vaia cara que se nos quedou a todos cando no medio dunha gravación marchou a corrente e quedamos sen a posibilidade de utilizar a cociña e o forno. Aquel día tiñamos preparada, ben, Benigno tiña preparada unha marabillosa pescada en prebe verde para os larpeiros, pero a deusa fortuna abandonounos a media mañá e o pesimismo apoderouse do equipo, como mostra esta imaxe. So foi media hora, porque contra a deusa Fortuna sempre encontraremos como aliados os responsables do equipo técnico que, cunha ñapa aquí e un empalme aló, conseguiron que se fixera a luz e a pescada brilase para goce dos comensais. Poderedes velo en menos dun mes. E a ver se cambiades esa cara, que xa pasou o susto.

martes, 17 de febrero de 2009

Larpeiros sobre rodas

Xaneiro de 2009. Por fin Pontevedra. Tiñamos ganas de achegarnos a un dos mercados de abastos máis interesantes do país. Era o día no que tiñamos que mercar unha palometa, uns croques e uns berberechos e todo saiu perfectamente. As peixeiras fixéronnos sentir coma na casa e iso que chegabamos moi cansos, sobre todo eu, que viña desde o Pazo Pousadoiro na bici. (Bueno, desde o mesmo Pazo, non...). O que máis padeceu aquel día a gravación foi Manuel Novoa, cámara e realizador de exteriores. Velaí o tedes, sentado na parte traseira do coche, enganchado a dous cintos de seguridade e coa cámara ó ombreiro. Que profesional! Por certo, o rapaz anda de vacacións, un merecido descanso antes da terceira temporada. Coque, sen dúbida, é unha das chaves do éxito deste programa. A disfrutar.

lunes, 9 de febrero de 2009

A Deus rogando...

Novembro de 2008. Desprazámonos ata Moaña para que César nos ensinase cómo é un día de traballo na súa batea. Por certo, é un traballo moi duro e sacrificado, desde entón parécenme moito máis baratos estes animaliños alaranxados. Este programa, no que Benigno cociñou uns marabillosos garavanzos con mexillóns, poderedes velo ó mércores 18 de febreiro. E aqui me tedes, cun martelo de grandes dimensións co que golpeei unha e outra vez a pechadura da cesta dos moluscos para ver se abría. Non vou desvela-lo final da historia. Teredes que vela no próximo programa de Larpeiros. Ata entón...

jueves, 5 de febrero de 2009

O sorriso das larpeiras

Outubro de 2008. Chega á casa unha nova larpeira. Loliña de Mañufe (primeira pola dereita) conquistounos a todos coas súas habilidades reposteiras e o seu sorriso, porque o de Cruz e o de Lola xa o coñeciamos. As tres conectaron axiña para intercambiar receitas, vivencias e algún que outro chisme. As tres son moi boas cociñeiras, moi boas cantantes e, sobre todo, moi boas compañeiras. Espero volver a ve-las moi pronto e co mesmo sorriso. E a Lola de Mañufe coa mesma man para o biscoito. Nesta foto falta Marian, a larpeira vexetariana, pero seguro que volverá ó blog outro día. Bicos a todas, larpeiras.

miércoles, 4 de febrero de 2009

David Middleton, o rei da cervexa ecolóxica


Setembro de 2008. Visitamos a península do Morrazo para ver como elaboraba David Middleton a súa cervexa natural, ecolóxica e artesanal.Foi todo un pracer degustar aquel zume de cebada que conquistou a todo o equipo de Larpeiros. A finais de marzo veremos en acción no programa do Polo con cervexa a este profesor de comunicación non verbal e artista polifacético que hai vinte anos namorou de Galicia e decidiú unirse a nós para aprendernos que somos un referente no que boa vida se refire, aínda que as veces o esquezamos. No San Martiño, centos de persoas acoden á súa casa-bar para dar conta dunhas trescentas botellas; ata que non rematan coa colleita desa campaña non se pode dicir no barrio de Abelendo, en Moaña, que as festas están rematadas. O ano que ven, volveremos. Grazas por recibirnos e darnos uns grolos da túa colleita limitada de cervexas Middleton 2008. O mellor é que envasa toda a súa produción en botellas da antiga Pitusa, así que ademais de rica e sá esta cervexa tamén axuda á reciclaxe. Thank you, David.

martes, 3 de febrero de 2009

Son aquelas pequenas cousas


Xaneiro de 2009. Dicir a estas alturas da película que os pequenos detalles son os que fan grande un programa semella unha obviedade, pero nunca está de máis. Como di o noso mestre e gurú Xosé Cermeño, máis vale partir dun tópico que chegar a el. Así que, como creo que é de xustiza, mándolles aquí unhas liñas a Eva, a Simón e a Paula. Dúas produtoras e un pinche de cociña que en cada gravación fixeron o seu traballo e un pouco máis; porque facer ben o chollo vai implícito no soldo, pero facerlle a vida máis agradable ós que traballan contigo vai no carácter e saber manexar as sitiacións de tensión non está ó alcance de todo o mundo. A Simón espero volver a velo na terceira temporada, porque a súa humildade e a súa profesionalidade son necesarias para que brille o traballo dos larpeiros. Para Benigno, o gran Simón, é unha axuda fundamental á hora de facela compra e de preparalos pratos. A Eva e a Paula espero velas mañá, alguén terá que soportarme cando dea a paliza co meu blog. Este recoñecemento era o menos que podía facer para que sigan entrando en obxectivo larpeiro. Grazas os tres, compañeiros!

lunes, 2 de febrero de 2009

As albóndigas de Nico Villar


Nadal de 2008. Xa sei que a foto non se corresponde co título, pero o blog é meu. Os retratados coincidimos nos Viveiros do Berbés, en Vigo. Nico, un tipo de gorro vermello ó que non recoñezo pero que debo ser eu, Papa Noel e un lumbrigante que metía medo mesmo coas tenaces atadas. Nicolás Villar acudiú á chamada dos larpeiros para asesorarnos sobre cómo elixir con criterio unha ducia de nécoras para que Benigno as pasase pola tixola, un prato que, por certo, provocou moita inquietude no contorno do programa, pero que uns días máis tarde Benigno resolveu coa súa habitual mestría. Aquel día, no que se desenvolveu diante da cámara coma un profesional do medio, decidimos convidalo á casa para que fixera unha orixinal receita de albóndigas con piñóns e salsa de queixo de Arzúa-Ulloa; ese programa poderemos velo este mércores 18 de febreiro. De verdade, eu nunca provei unhas boliñas de carne picada tan sabrosas. Agora Nico, que traballa como cociñeiro no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, debe estar a piques de enrolarse no barco dun importante deseñador alemán para realizar unha travesía de seis meses polos diferentes portos do noso continente. Nico, volve canto antes que necesito unha nova dose desas albóndigas tan orixinais. Entre as femias do equipo, debo recoñecer, tamén causaron furor as boliñas do rapaz. Grazas por comparti-la túa sabedoría culinaria cos larpeiros e, cando queiras, aquí estamos!

jueves, 29 de enero de 2009

Larpeiras nas escaleiras


Nadal de 2008. Coas larpeiras nunca se sabe. As veces suben, as veces baixan e as veces marchan de viaxe como a señoriña Lemos, unha larpeira viaxeira que sempre anda detrás das cámaras e que agora decidiú colocarse diante para pousar xunto a Marian, primeira pola esquerda, Cruz, a que leva lentes, e Lola, a do mandil. Marta é a de pelo rizado, a máis morocha das catro. Ela, ademais de facer un marmelo con noces de primeira división, nos seus ratos libres é guionista e documentalista do programa. Nunhas horas estará voando cara a Polinesia na procura de quen sabe que ou quen. Moi boa viaxe e feliz estadía de parte de todo o equipo de Larpeiros. Marian quedará aquí coas súas masaxes terapéuticas e a súa filosofía zen, ademais de dar algúns cursiños de cociña vexetariana nas aulas de Caixanova. Cruz seguirá coa súa cruzada anti-leite de vaca (so bebe leite de soia ou en pó) mentres atende as súas tendas de zapatos e Lola, ay!, Loliña, entre o coro e César non vai ter tempo para nada, bueno, para ver ós netos sácase tempo de calquera parte. Falta Manola, que estivo facendo no primeiro programa uns chocos riquísimos con arroz e falta Lola de Mañufe, que xa terá o seu lugar no blog máis adiante, ah!, e Mari, que nos fixo uns garavanzos con mexillóns estupendos. Igual non están tódalas que son, pero sí son tódalas que están. Grazas a todas por ser tan riquiñas. Bicos mil, larpeiras!

martes, 27 de enero de 2009

Tres larpeiros e unha chiruca

Novembro de 2008. Os deuses estaban do noso lado. Un día espléndido do marabilloso outono galego en Praia América. Tres homes e as súas armas, Novoa coa cámara, Alonso coa cana e Cermeño coa súa experiencia de pescador profesional debaten sobre a maneira na que poderían capturar unha robaliza de dous quilos e así aforrarlle uns cartiños ó departamento de produción. As dez da mañá o soño destes homes parecía tan complexo coma que un negro chegase á Casa Branca. As dúas da tarde o de Obama estaba case feito e o da robaliza era unha hipótese de traballo coa que xa case ninguén do equipo contaba. Quince minutos despois unha bota marrón de boy scout, a coñecida como chiruca, enganchábase na rapala de Tomás e case acababa coa bonita cana que Cermeño lle prestara para a ocasión. Seguinte fotograma da película: Peixería Casa Botas de Vigo, tres tipos de mediana idade, un deles con gorra vermella, outro cun chapeu de Papa Noel e un terceiro cunha cámara pendurada do ombreiro mercan unha soberbia robaliza de dous quilos que logo iría directamente ás mans de don Benigno. Máis cedo que tarde esa robaliza ha ser nosa. Seguro!

lunes, 26 de enero de 2009

Don Benigno, o gran mestre da robaliza



Nadal de 2008. Don Benigno Campos é o cociñeiro titular de Larpeiros, un gran tipo.Coñecino por casualidade no ximnasio do R.C. Náutico de Vigo grazas a Xosé Cal e, tras compartir con el e con outros lambóns un cocido de categoría superior en casa Trabazo, na Estrada, estivemos bastante tempo sen vernos en actos sociais e gastronómicos. Cando en xaneiro de 2008 falamos de facer un casting para fichar larpeiros o primeiro nome que pasou pola miña cabeza foi o deste sindicalista comprometido que agora trocou a militancia social polo loita activa nos fogóns. Cociña como vive, con paixón, entregado ó que fai e gozando con todo o que prepara. Non é doado encontrar un chef que disfrute tanto vendo disfrutar os demais; so así se explica a cantidade inxente de amigos que ten polo mundo adiante, e os que lle van saíndo logo de velo cada mércores en Larpeiros. Unha aperta e a coidarse, que a saúde é o primeiro. Por certo, o robalo que preparou para o programa, co que pousa tan fachendoso na foto, estaba de cine. A seguir así.

O doutor Cermeño en acción

Novembro de 2008. Durante a segunda temporada chegamos a gravar 15 programas. Dous para o mes de nadal e 13 para os meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril. No Pazo do Pousadouro, construído no século XVIII e situado no contorno de Redondela realizabamos cada martes e cada xoves as escenas correspondentes á cociña e o comedor, ademais dalgún exterior que case sempre tiñamos que anular polo frío ou pola chuvia. Na foto, o que aguanta a carpeta cos guións na man dereita é o noso gran director e sempre admirado Xosé Cermeño, tamén coñecido como o doutor Cerme. O que fai coa man esquerda xa é un asunto no que seguimos investigando. Aquel día, mentres Eva, a produtora intermitente, tiráballe unha foto a Coque, o cámara oficial, nós, os larpeiros atendiamos as explicacións e os sabios comentarios do noso director, aínda que na foto no quede moi claro, era así. De verdade.
El deseñou este marabilloso invento chamado Larpeiros. Despois de moitas dúbidas iniciais nas que o innovador formato estaba aínda por definir, o creador moveu as pezas do quebracabezas ata que o primeiro programa "Un asunto moi negro", no que se cociñaban chocos con arroz foi unha realidade.

A trinidade creadora



Xaneiro de 2009. Aquí comezou todo. Un xenio da informática, Rafa Román, un larpeiro con gañas de aprender, Tomás Alonso, e unha fotógrafa de garantías, Marta Lemos, xuntos diante dun ordenador e un teléfono, aínda que o teléfono é máis ben para disimular porque, de momento, non chamamos a ninguén para darlle a paliza e convidalo a que entre en obxectivo larpeiro. Así naceu este blog fotográfico no que iredes vendo cómo fixemos estes 25 primeiros programas de Larpeiros.

jueves, 22 de enero de 2009

A pé de porco en Lalín



















Xaneiro de 2009. O equipo de Larpeiros viaxou ata Lalín para ver cómo traballan o porco os de embutidos Lalinense. Na foto estamos os de sempre, pero nesta saída, ademais de Novoa, Cermeño, Lemos, Alonso e Son, non puidemos dicirlle que non ó produtor do programa, Emilio José Fernández. É o pequecho de barba que se aperta ó director e á documentalista. Normalmente non viaxa co equipo, pero é de Lalín, bueno de Moneixas e, claro, non quería perderse tan magno acontecemento. Cando paseabamos pola rúa puidemos comprobar que a xente sinte un certo aprecio por este rapaz, vamos, que lle queren ben. Nós tamén.

Unha vez na fábrica asistimos a todo o proceso de elaboración do lacón e dos chourizos do Deza. Logo fomos á tenda para mercar algo de touciño entrefebrado, lombo curado, xamón, chourizos e, por suposto, lacón. Uns produtos de primeira calidade elaborados e distribuidos por unha familia de primeira calidade humana e profesional. Longa vida a embutidos Lalinense e grazas polo trato que nos destes eses días.

miércoles, 21 de enero de 2009

Entre amigos e bateas















Outubro de 2008. Tres bateeiros e un bolseiro (o da camisa a cadros e a gorra) pousan e repousan para a reporteira Marta Lemos. Sentados sobre unha traveseira da batea semellan esgotados tras un día de faena no medio da Ría de Vigo. O patrón do Lojo, o moañés César, e os seus fillos José e César recibironnos con moito agarimo. Deles aprendimos case todo sobre a cría do mexillón en batea. César é o home de Lola, unha larpeira cum laude que cada mércores dá réplica o mestre Benigno na cociña. Para Tomás, outro larpeiro profesional, foi toda unha experiencia: subir a unha batea, e non caer, facer cordas coas crías do mexillón, seleccionalos e metelos en sacos para levar a depuradora... Un master mexilloeiro que difícilmente esquecerá. Grazas por facernos o traballo tan doado.

O equipo larpeiro en Hifas da Terra


Setembro de 2008. Visitamos o cuartel xeral de Hifas da Terra, unha empresa pontevedresa que se ocupa da produción ecolóxica de cogomelos e da súa venda ó público. De esquerda a dereita e non necesariamente atendendo a criterios de afinidade política encontramos o doutor Cermeño, director do programa, Manuel Novoa, realizador e cámara, Xoan Son, sonidista, Marta Lemos, documentalista e Marquesa da Polinesia, Tomás Alonso, presentador e larpeiro diplomado e as nosas anfitrionas María e Mila, de Hifas da Terra. Todos ben xuntiños para a foto, naquel día no que estas guapas mozas nos aprenderon que as setas poden ser sementadas nos troncos dalgunhas árbores . Micorrizadas grazas pola vosa paciencia e se alguén quere saber máis sobre produtos micolóxicos a súa páxina web é http://www.hifasdaterra.com/