lunes, 28 de febrero de 2011

RECEITA - PEMENTOS DO PIQUILLO RECHEOS DE BACALLAU

INGREDIENTES (para 5 persoas):
10 pementos do piquillo
1/2 kg de migas de bacallau
2 cebolas
Allo e perexil
Fariña
Ovo
Tomate

- Unha vez que se puxeron a remollo as migas de bacallau, poñemos nunha tixola a cebola ben picada, o allo e o perexil machucados, e sofritímolo todo con aceite. Cando abrande a cebola, engadímoslle o bacallau, refogándoo todo moi ben; depois botámoslle un par de culleradas de fariña e un pouco de leite, e con esta mestura facemos unha especie de bechamel, que agregaremos ao bacallau.

- Nunha tixola á parte poñemos un chorro de aceite e fritimos un pouco os pementos, que retiraremos para deixar que enfrien. Nese mesmo aceite poñemos o tomate pelado e picadiño, e facemos unha salsa suave que pasaremos polo triturador ou un coador chinés.

- Os pementos, unha vez frios, enchémolos coa mestura de bacallau, pasámolos por fariña e ovo e frtímolos en abundante aceite. Despois cubrímolos coa salsa e xa se poden servir.

Mañá martes 1 de marzo, ás 21:55 na TVG veredes unha nova entrega de Larpeiros, neste caso sobre o requeixo da Capela. Onde don Benigno vai preparar unha deliciosa lasaña de carne con requeixo. Ata mañá!!

martes, 22 de febrero de 2011

RECEITA - RABO DE TOURO

INGREDIENTES (para 5 persoas):
2 kg de rabo de touro
Allo, perexil e sal
Fariña
1 cebola
1 pemento vermello
1 cenoria
2 porros
1 rama de apio
2 tomates
Aceite de oliva
Coñac

- Cortamos o rabo en anacos de cinco centímetros, aproximadamente, adubámolo con allo, perexil e sal machucados, pasámolo por fariña e dourámolo nunha cazola con aceite.

- Cando estea dourado, botámoslle a cebola, o pemento e un par de porros picados, a rama de apio, a cenoria picada e un par de tomates en anacos, refogámolo todo e incorporamos a copa de coñac, cubrímolo con auga e deixamos que coza tapado a lume baixo ata que a carne se desprenda ben do óso (mellor nunha ola rápida ou a presión).

- Como gornición, un arroz en branco vaille moi ben.

Hoxe martes 22, ás 21:55 na TVG veredes unha nova entrega de Larpeiros, neste caso sobre o pemento de Arnoia. Onde ademáis, don Benigno fará unha visita a casa de turismo rural "A Parada das Bestas" en Palas de Rei. Non o perdades!!