miércoles, 24 de marzo de 2010

O éxito de Larpeiros continúa tras 50 programas



Os lambóns máis simpáticos e mediáticos de Galicia celebran este xoves (A Galega, 22,30 horas) o seu 50 aniversario comendo unha riquísima carne de tenreira do país con ceboliñas de Sanxenxo.

O programa Se non é vaca é boi, penúltimo da cuarta temporada, ben a certifica-lo éxito e gran acollida deste innovador formato que reúne cada semana fronte o receptor a máis de 200.000 galegos, acadando nos últimos tempos unha cota de pantalla do 18%.

Neste espazo, que se emitirá o día 25 de marzo, o larpeiro itinerante Tomás Alonso desprazarase ata Monforte de Lemos para visita-la finca Balboa, onde o seu amigo Emilio descubrirá tódolos segredos dos mellores bois de Galicia. Uns animaliños que poden chegar a pesar máis dunha tonelada e media.

Logo de pasar polas terras do Val do Lemos Tomás acudirá ó mercado de Sanxenxo onde recibirá un curso acelerado de enrestrado de cebolas e mercará unha espaldiña de tenreira galega de primeira calidade.

Con boa carne, saborosas ceboliñas e verduras ben frescas don Benigno preparará para os Larpeiros un guiso de tenreira en prebe de cebola que seguro conquistará o exquisito padal dos galdrumeiros máis populares e lambóciños da Televisión de Galicia.

Tras dous anos en antena e con 50 programas as costas, Tomás, Benigno, Lola, Leni e Cruz están preparnado xa novos pratos e novas aventuras para seguir entretendo ó espectador e mantendo a confianza dunha audiencia que lle segue sendo fiel desde o primeiro día no que se emitiú Larpeiros por primeira vez.

Grazas a todos pola vosa colaboración. Un saúdo.