miércoles, 4 de marzo de 2009

Larpeiro con tomate na cabeza

Marzo de 2009. Ata aquí a primeira edición do meu blog Larpeiro. Acabáronseme as fotos que vos quería ensinar e decidín, polo tanto, baixa-lo pano e agardar á terceira temporada para continuar. Creo que en abril volveremos á rúa, os mercados, ós cortellos, ás granxas... e alí estará Marta Lemos coa súa cámara de segunda man para tira-la foto axeitada. Máis cedo que tarde eses retratos subirán a este espazo virtual no que so quixemos, durante estes tres últimos meses de vida, agradece-la colaboración de todos os que nos teñen axudado a face-lo programa e amosar en imaxes o que foron algúns momentos bonitos ou curiosos das nosas gravacións. Así xa sabedes algo máis sobre quen é quen en Larpeiros, por se vos interesaba, que non creo. Por certo, este da fotografía son eu e o tomate é da horta de Silveria. Que rico, umm!

A horta de dona Silveira

Febreiro de 2008. Non quería rematar esta primeira etapa do meu blog Larpeiro sen lle facer unha homenaxe a esta muller da península do Morrazo. Dona Silveria, un descubrimento da nosa documentalista Marta Lemos, fixo unha primeira aparición no programa que o ano pasado dedicamos ós mexillóns con patacas. E alí estivemos, no seu patacal, sachando e aprendendo un feixe de cosas fundamentais para traballa-la horta e para traballar na vida, tantas cousas aprendimos nunha soa mañá que decidimos volver. Desta volta fomos por pementos, tomates e leitugas; tan bo aspecto teñen os seus produtos que lle din no mercado que non son da súa horta, que son de fóra. Nos damos fe de que ela mesma os coida con todo o agarimo do mundo. Esta noite poderedes vela de novo no programa dos Paspallás engaiolados. Os seus pementos son marabillosos, os tomates teñen unha cor e un sabor especial e as leitugas (a risa e a lisa, como di ela) son natuirais e sabrosas cento por cento. Grazas por ser como es, Silveria.

O cabreiro larpeiro

Novembro de 2008. Visitamos unha finca en Campo Lameiro na que se dedicaban a criar cabritos. Alí fixemos de todo: conducilos do cortello ó campo, do campo ó fechado e do fechado outra vez o cortello. Polo medio máis dunha ducia de anécdotas. Se cadra, o ataque patuno da vaca mentres a ordeñaba con pouca maña xa o puidestes ver no programa sobre o cabrito ó forno do mes pasado. Este tenro momento de intimidade entre Sarita e máis eu creo que ben merece un oco neste blog. Nin que dicir ten que Sarita librou de pasar polas mans de don Benigno, foi indultada por un servidor e seguro que hoxe aínda está polos montes da comarca. Aquel momento mamadeira dificilmente o esquecerei, foi dos máis bonitos dos últimos meses, non todo vai ser papar. Os larpeiros, aínda que non o pareza tamén temos sentimentos.