lunes, 20 de junio de 2011

Martes 21 de xuño ás 21:55 na TVG: "UNHA LAMPREA E UN BACALLAU"



Mañá, don Benigno, vai preparar un saboroso bacallau á Gomes de Sá. Ademais coma aperitivo haberá lamprea.

Para tan ricos manxares o xornalista de investigación Tomás Alonso desprazarase ata a vila pontevedresa de Arbo, a beira galega do río Miño para ver como os pescadores da zona levan a cabo unha tradición secular: a pesca da lamprea con viturons.

Co monstro mariño no cesto Tomás regresa a casa coa satisfación de ter ben feito o seu traballo. Agora tócalle a vez a Benigno, o cociñeiro, a ver como se porta e como sae todo. Veremos como lle queda o seu prato e que din os larpeiros. Eu non o perdería, lambonciños!!

jueves, 16 de junio de 2011

RECEITA - ALBÓNDEGAS CON SALSA DE VERDURAS


INGREDIENTES (para 5 persoas):

600 gr de carne picada de tenreira ou porco (ou porco celta)

2 cenorias

1 cebola grande

2 ovos

Faragulla de pan

Fariña de trigo

Aceite de oliva

Sal



SALSA

1 cebola

1 pemento vermello

1 cenoria

1 allo porro

1 dente de allo

1 tomate pelado

1/2 vaso de caldo de carne

1/2 vaso de viño

Sal



- Nun recipiente fondo poñemos a carne, de tenreira ou porco (ou porco celta), ou a mestura das dúas, cunha parte de porco por tres de tenreira, a cebola e a cenoria moi picadas, a faragulla de pan remollada en leite ou auga, segundo o gusto de cadaquén, e ben escoada, e os ovos. Amasámolo todo e facemos unhas bólas, que enfariñaremos antes de fritilas nunha cazola con aceite. Retirámolas ben escoadas e reservámolas para máis adiante.

- No mesmo aceite coado facemos un refrito co resto das verduras picadas, ao que engadiremos as albóndegas, o caldo de viño, e tras douralas un pouco deixamos cocer durante quince minutos.

- Botamos as albóndegas nunha fonte e cubrímolas coa salsa, que previamente pasariamos por un pasapurés.

- Unha boa gornición podería ser un arroz en branco.

viernes, 10 de junio de 2011

RECEITA - POLBO CON PATACAS

INGREDIENTES (para 5 persoas):

1 polbo de 2 kg

500 g de patacas

1 cebola grande

3 dentes de allo

1 pemento vermello

1 pemento verde

1 tomate pelado

200 g de chícharos

1 cenoria

1 cullerada de pementón moído doce

Aceite de oliva

Sal

- Nunha pota poñemos a auga a ferver e, cando entre en ebulición, engadimos o polbo, previamente desconxelado e ben limpo (se o polbo fose fresco, deberiamos conxelalo uns días, para que estea máis tenro), deixamos que coza durante vinte minutos e reservámolo, o mesmo que o seu caldo.

- Nunha cazola á parte facemos un refrito con todas as verduras, e deixamos o tomate picado para o final. Cando estea listo, engadimos as patacas cortadas en anacos e o pemento moído. Mesturámolo todo xunto co caldo que reservaramos do polbo, e deixamos que coza ata que as patacas estean feitas, momento en que engadimos o polbo cortado coma se fose á feira, e deixamos que se faga todo durante uns cinco minutos.

RECEITA - LURAS RECHEAS NA SÚA TINTA

INGREDIENTES (para 5 persoas):

5 luras grandes ou medianas

3 cebolas grandes

1 tomate

4 dentes de allo

1 vaso de viño branco

Sal

Aceite de oliva

- Limpar ben as luras con moito coidado e conservar a súa tinta.

- Picar as aletas e as cabezas cos tentáculos e refogalas ben cunha cebola picada. Con este refrito encheremos o corpo das luras, que podemos pechar cuns escarvadentes.

- Nunha cazola á parte poñemos seis culleradas de aceite, no que botaremos as dúas cebolas restantes ben picadas, xunto co allo laminado, que douraremos sen que se queime, para logo incorporar o tomate pelado e picado xunto co viño. Refogámolo todo e incorporamos a tinta das luras e o sal, segundo a gusto de cada un. Cando a salsa estea ben feita, triturarémola co batedor. Xuntarémola coas luras e deixarémolo todo a lume baixo ata que estean cocidas, variando o tempo dependendo do tamaño das luras.

- Se fosen conxeladas, tamén podemos usar tinta de chocos ou dunha xiba grande.

- A gornición perfecta pode ser un arroz en branco cuns anacos de pan torrado.

martes, 7 de junio de 2011

UN SEÑOR CON OITO PERNAS!



Esta noite ás 21:55 na TVG podedes ver un novo capítulo das aventuras dos larpeiros, e como non, disfrutar dun novo prato do mestre Benigno. Bó proveito lambonciñ@s!