martes, 27 de enero de 2009

Tres larpeiros e unha chiruca

Novembro de 2008. Os deuses estaban do noso lado. Un día espléndido do marabilloso outono galego en Praia América. Tres homes e as súas armas, Novoa coa cámara, Alonso coa cana e Cermeño coa súa experiencia de pescador profesional debaten sobre a maneira na que poderían capturar unha robaliza de dous quilos e así aforrarlle uns cartiños ó departamento de produción. As dez da mañá o soño destes homes parecía tan complexo coma que un negro chegase á Casa Branca. As dúas da tarde o de Obama estaba case feito e o da robaliza era unha hipótese de traballo coa que xa case ninguén do equipo contaba. Quince minutos despois unha bota marrón de boy scout, a coñecida como chiruca, enganchábase na rapala de Tomás e case acababa coa bonita cana que Cermeño lle prestara para a ocasión. Seguinte fotograma da película: Peixería Casa Botas de Vigo, tres tipos de mediana idade, un deles con gorra vermella, outro cun chapeu de Papa Noel e un terceiro cunha cámara pendurada do ombreiro mercan unha soberbia robaliza de dous quilos que logo iría directamente ás mans de don Benigno. Máis cedo que tarde esa robaliza ha ser nosa. Seguro!