martes, 16 de noviembre de 2010

Outono Gastronómico 2010


Por cuarto ano consecutivo Turgalicia, en colaboración coas asociacións de turismo rural de Galicia, pon en marcha a campaña de promoción denominada “Outono Gastronómico en Turismo Rural”.
Do 15 de setembro ao 15 de decembro de 2010, o Turismo Rural de Galicia celebra o seu 4º OUTONO GASTRONÓMICO. Son máis de 100 casas rurais as que nos invitan a coñecelas e a gozar dalgunha das súas máis de 200 propostas gastronómicas diferentes. Cada unha das casas rurais ofrecerá un ou dous menús exclusivamente concibidos para esta ocasión.
A oferta do “Menú Outono Gastronómico” inclúe os entrantes, primeiros e segundos pratos, sobremesas, cafés ou infusións, viños ou outras bebidas polo prezo global de 30 €/persoa (IVE incluído). Tamén se ofrece a posibilidade de adquirir o “Paquete Outono Gastronómico” que permite degustar o menú outono gastronómico e pernoctar na casa de turismo rural elixida, incluíndo os almorzos do seguinte día dentro da oferta. O prezo é de 100 € /2 persoas en cuarto dobre ou de 60 €/1 persoa en cuarto individual. Pero a mellor opción para este ano de crise é a oferta completa da “Fin de semana Outono Gastronómico”. Neste caso inclúe 2 menús outono gastronómico por persoa, aloxamento e almorzo nunha das casas de turismo rural participantes nesta promoción (noite de venres e de sábado). O prezo é de180 €/2 persoas en cuarto dobre ou de 120 €/1 persoa en cuarto individual. Ademais este ano, aloxándose en calquera dos establecementos adheridos a este 4º Outono Gastronómico, pódese conseguir algún dos 120 premios directos escondidos no interior das casas rurais participantes.
Agardan fins de semana, paquetes gastronómicos e menús gratis para agradecer a confianza dos nosos turistas.As mais de 100 casas que desenvolven esta campaña ofrecen estes servizos durante os venres, sábados e domingos dos meses citados, proporcionando unha boa oportunidade para que o público que aínda non coñece o turismo rural de Galicia se achegue aos pazos, ás casas grandes, ás casas rectorais, ás casas de aldea e ás casas de labranza que compoñen a oferta galega deste senlleiro sector. A proposta invita a aproveitar esta oportunidade para achegarse á historia e ao patrimonio dos “Pazos de Galicia”, hoxe coidadosamente rehabilitados, para revivir a época das señoriais “Casas Grandes”, para pasar una noite nunha auténtica “Casa Reitoral” ou para sentir o latexo da vida rural das “Casas de Aldea” ou das “Casas de Labranza”.
Estes menús xunto con toda a información desta campaña pode ser consultada na páxina web de Turgalicia, www.turgalicia.es, de xeito que os clientes poden estudar previamente tanto as composicións dos menús como as fotografías e o resto das características das casas participantes, a fin de facilitarlles a elección mais acaída aos seus gustos. Elixa entre as máis de 100 casas rurais participantes e regálese un xantar moi especial.
(Ofertas válidas en venres, sábados e domingos do 15 de setembro ao 15 de decembro de 2010)+ Información: www.turgalicia.es / 902 200 432

2 comentarios:

cm dijo...

Paréceme xenial que vos guste a nosa campaña do IV Outono, eu persoalmente a pesar de levar varios anos traballando en Turgalicia non me animei ata este ano a probar (como di o refrán "na casa do ferreiro, coitelo de pau"..jeje) e a expreciencia foi tan boa que me declaro fan!

Saúdos!

Anónimo dijo...

Grazas amigo. Saudos dos larpeiros.