martes, 19 de julio de 2011

RECEITA: PATA CON GARAVANZOS E ESPINACAS

INGREDIENTES (PARA 5 PERSOAS):

1 PATA DE TENREIRA

700 GR DE GARAVANZOS

4 MANCHEAS DE ESPINACAS

1 CEBOLA

CRAVO

LOUREIRO

1 PEMENTO VERMELLO

3 CENORIAS

3 DENTES DE ALLO

ACEITE DE OLIVA

SAL



- Nunha cazola poñemos a cocer a pata picada e limpa cunha cebola enteira pelada cuns dentes de cravo incrustados, unha folla de loureiro e uns bos anacos de cenoria. Deixamos que coza todo a media cocción e engadímoslle os garavanzos, previamente remollados, e ao final as espinacas.

- Cando todo estea cocido, nunha tixola facemos un refrito de cebola, allos picados e pemento vermello, tamén picado, que engadimos á cazola, e deixamos que coza todo durante cinco minutos.

"QUE COUSAS TEN O MAR"

Os lambóns máis simpáticos da Televisión de Galicia regresan hoxe, sobre as dez da noite, cun novo capítulo no que o comandante Benigno Campos e a almiranta Lola Vilela prepararán un riqúisimo arroz con cachiños de peixe sapo e ourizos, como acompañamento tanto no arroz, coma no aperitivo.

Para tan exquisitos manxares, o xornalista de investigación Tomás Alonso, desprazarase ata a localidade pontevedresa de Oia, na Costa do baixo Miño, na fachada atlántica galega onde baten con forza as ondas nos rochedos. O noso larpeiro tratará de aprender o oficio de apañador de ourizos e para iso contará coa inestimable colaboración de Carme, unha mariscadora veterana.
Despois irá cara a Ramallosa para mercar na peixería "Xanela do Mar" un bo peixe sapo e un par de quilos de ourizos frescos.
Veremos como sae ese arroz. Eu non o perdería, larpeiros!!

lunes, 11 de julio de 2011

"Metemos a pata!"


Mañá pola noite, (ás 21:55 na TVG), o comandante Benigno e a almiranta Lola prepararán un riqúisimo guiso de pata de tenreira con garavanzos e algunha que outra sorpresiña, como unhas alcachofas con salsa de iogur e unha crema de iogur con fresas.
Para tan exquisitos manxares, o xornalista de investigación Tomás Alonso desprazarase ata a localidade coruñesa de Mesía, onde terá a Guillermo como guía na súa visita a Casa Grande de Xanceda onde se elaboran algún dos mellores iogures ecolóxicos do país. O noso larpeiro poderá comprobar como se crían unha vacas felices e en liberdade as que lles extraen o leite dun xeito moi moderno e, sobre todo, sostible.
Non o perdades!!

lunes, 4 de julio de 2011

"Peixe e verduras"

Este martes, a responsable dos fogóns do Museo do Mar de Vigo, Celia Cabrera, acompañará o mestre Benigno na preparación dunha sopa de peixes de rocha con algas das nosas rías.
Antes, Tomás Alonso, desprazarase ata Cangas. Ali, co seu amigo Fermín, percorrerá as rochas da zona na procura das verduriñas de mar máis axeitadas para facer esa sopa e outras moitas receitas.
A ver como lles vai. Eu non o perdería, larpeiros!!

lunes, 20 de junio de 2011

Martes 21 de xuño ás 21:55 na TVG: "UNHA LAMPREA E UN BACALLAU"



Mañá, don Benigno, vai preparar un saboroso bacallau á Gomes de Sá. Ademais coma aperitivo haberá lamprea.

Para tan ricos manxares o xornalista de investigación Tomás Alonso desprazarase ata a vila pontevedresa de Arbo, a beira galega do río Miño para ver como os pescadores da zona levan a cabo unha tradición secular: a pesca da lamprea con viturons.

Co monstro mariño no cesto Tomás regresa a casa coa satisfación de ter ben feito o seu traballo. Agora tócalle a vez a Benigno, o cociñeiro, a ver como se porta e como sae todo. Veremos como lle queda o seu prato e que din os larpeiros. Eu non o perdería, lambonciños!!

jueves, 16 de junio de 2011

RECEITA - ALBÓNDEGAS CON SALSA DE VERDURAS


INGREDIENTES (para 5 persoas):

600 gr de carne picada de tenreira ou porco (ou porco celta)

2 cenorias

1 cebola grande

2 ovos

Faragulla de pan

Fariña de trigo

Aceite de oliva

Sal



SALSA

1 cebola

1 pemento vermello

1 cenoria

1 allo porro

1 dente de allo

1 tomate pelado

1/2 vaso de caldo de carne

1/2 vaso de viño

Sal



- Nun recipiente fondo poñemos a carne, de tenreira ou porco (ou porco celta), ou a mestura das dúas, cunha parte de porco por tres de tenreira, a cebola e a cenoria moi picadas, a faragulla de pan remollada en leite ou auga, segundo o gusto de cadaquén, e ben escoada, e os ovos. Amasámolo todo e facemos unhas bólas, que enfariñaremos antes de fritilas nunha cazola con aceite. Retirámolas ben escoadas e reservámolas para máis adiante.

- No mesmo aceite coado facemos un refrito co resto das verduras picadas, ao que engadiremos as albóndegas, o caldo de viño, e tras douralas un pouco deixamos cocer durante quince minutos.

- Botamos as albóndegas nunha fonte e cubrímolas coa salsa, que previamente pasariamos por un pasapurés.

- Unha boa gornición podería ser un arroz en branco.

viernes, 10 de junio de 2011

RECEITA - POLBO CON PATACAS

INGREDIENTES (para 5 persoas):

1 polbo de 2 kg

500 g de patacas

1 cebola grande

3 dentes de allo

1 pemento vermello

1 pemento verde

1 tomate pelado

200 g de chícharos

1 cenoria

1 cullerada de pementón moído doce

Aceite de oliva

Sal

- Nunha pota poñemos a auga a ferver e, cando entre en ebulición, engadimos o polbo, previamente desconxelado e ben limpo (se o polbo fose fresco, deberiamos conxelalo uns días, para que estea máis tenro), deixamos que coza durante vinte minutos e reservámolo, o mesmo que o seu caldo.

- Nunha cazola á parte facemos un refrito con todas as verduras, e deixamos o tomate picado para o final. Cando estea listo, engadimos as patacas cortadas en anacos e o pemento moído. Mesturámolo todo xunto co caldo que reservaramos do polbo, e deixamos que coza ata que as patacas estean feitas, momento en que engadimos o polbo cortado coma se fose á feira, e deixamos que se faga todo durante uns cinco minutos.