martes, 16 de junio de 2009

O regreso dos Larpeiros


Para inaugurar esta terceira tempada, Benigno e os seus amigos, deciden preparar un solombo de porco.
O noso querido cociñeiro propón facerlle unha salsa de vermú: orixinal, sinxela e moi rica.
E, para acompañar á carne, un puré de mazás.
O resultado, salta á vista.

miércoles, 4 de marzo de 2009

Larpeiro con tomate na cabeza

Marzo de 2009. Ata aquí a primeira edición do meu blog Larpeiro. Acabáronseme as fotos que vos quería ensinar e decidín, polo tanto, baixa-lo pano e agardar á terceira temporada para continuar. Creo que en abril volveremos á rúa, os mercados, ós cortellos, ás granxas... e alí estará Marta Lemos coa súa cámara de segunda man para tira-la foto axeitada. Máis cedo que tarde eses retratos subirán a este espazo virtual no que so quixemos, durante estes tres últimos meses de vida, agradece-la colaboración de todos os que nos teñen axudado a face-lo programa e amosar en imaxes o que foron algúns momentos bonitos ou curiosos das nosas gravacións. Así xa sabedes algo máis sobre quen é quen en Larpeiros, por se vos interesaba, que non creo. Por certo, este da fotografía son eu e o tomate é da horta de Silveria. Que rico, umm!

A horta de dona Silveira

Febreiro de 2008. Non quería rematar esta primeira etapa do meu blog Larpeiro sen lle facer unha homenaxe a esta muller da península do Morrazo. Dona Silveria, un descubrimento da nosa documentalista Marta Lemos, fixo unha primeira aparición no programa que o ano pasado dedicamos ós mexillóns con patacas. E alí estivemos, no seu patacal, sachando e aprendendo un feixe de cosas fundamentais para traballa-la horta e para traballar na vida, tantas cousas aprendimos nunha soa mañá que decidimos volver. Desta volta fomos por pementos, tomates e leitugas; tan bo aspecto teñen os seus produtos que lle din no mercado que non son da súa horta, que son de fóra. Nos damos fe de que ela mesma os coida con todo o agarimo do mundo. Esta noite poderedes vela de novo no programa dos Paspallás engaiolados. Os seus pementos son marabillosos, os tomates teñen unha cor e un sabor especial e as leitugas (a risa e a lisa, como di ela) son natuirais e sabrosas cento por cento. Grazas por ser como es, Silveria.

O cabreiro larpeiro

Novembro de 2008. Visitamos unha finca en Campo Lameiro na que se dedicaban a criar cabritos. Alí fixemos de todo: conducilos do cortello ó campo, do campo ó fechado e do fechado outra vez o cortello. Polo medio máis dunha ducia de anécdotas. Se cadra, o ataque patuno da vaca mentres a ordeñaba con pouca maña xa o puidestes ver no programa sobre o cabrito ó forno do mes pasado. Este tenro momento de intimidade entre Sarita e máis eu creo que ben merece un oco neste blog. Nin que dicir ten que Sarita librou de pasar polas mans de don Benigno, foi indultada por un servidor e seguro que hoxe aínda está polos montes da comarca. Aquel momento mamadeira dificilmente o esquecerei, foi dos máis bonitos dos últimos meses, non todo vai ser papar. Os larpeiros, aínda que non o pareza tamén temos sentimentos.

jueves, 26 de febrero de 2009

O día no que petou o forno

Xaneiro de 2009. Vaia cara que se nos quedou a todos cando no medio dunha gravación marchou a corrente e quedamos sen a posibilidade de utilizar a cociña e o forno. Aquel día tiñamos preparada, ben, Benigno tiña preparada unha marabillosa pescada en prebe verde para os larpeiros, pero a deusa fortuna abandonounos a media mañá e o pesimismo apoderouse do equipo, como mostra esta imaxe. So foi media hora, porque contra a deusa Fortuna sempre encontraremos como aliados os responsables do equipo técnico que, cunha ñapa aquí e un empalme aló, conseguiron que se fixera a luz e a pescada brilase para goce dos comensais. Poderedes velo en menos dun mes. E a ver se cambiades esa cara, que xa pasou o susto.

martes, 17 de febrero de 2009

Larpeiros sobre rodas

Xaneiro de 2009. Por fin Pontevedra. Tiñamos ganas de achegarnos a un dos mercados de abastos máis interesantes do país. Era o día no que tiñamos que mercar unha palometa, uns croques e uns berberechos e todo saiu perfectamente. As peixeiras fixéronnos sentir coma na casa e iso que chegabamos moi cansos, sobre todo eu, que viña desde o Pazo Pousadoiro na bici. (Bueno, desde o mesmo Pazo, non...). O que máis padeceu aquel día a gravación foi Manuel Novoa, cámara e realizador de exteriores. Velaí o tedes, sentado na parte traseira do coche, enganchado a dous cintos de seguridade e coa cámara ó ombreiro. Que profesional! Por certo, o rapaz anda de vacacións, un merecido descanso antes da terceira temporada. Coque, sen dúbida, é unha das chaves do éxito deste programa. A disfrutar.

lunes, 9 de febrero de 2009

A Deus rogando...

Novembro de 2008. Desprazámonos ata Moaña para que César nos ensinase cómo é un día de traballo na súa batea. Por certo, é un traballo moi duro e sacrificado, desde entón parécenme moito máis baratos estes animaliños alaranxados. Este programa, no que Benigno cociñou uns marabillosos garavanzos con mexillóns, poderedes velo ó mércores 18 de febreiro. E aqui me tedes, cun martelo de grandes dimensións co que golpeei unha e outra vez a pechadura da cesta dos moluscos para ver se abría. Non vou desvela-lo final da historia. Teredes que vela no próximo programa de Larpeiros. Ata entón...