lunes, 20 de junio de 2011

Martes 21 de xuño ás 21:55 na TVG: "UNHA LAMPREA E UN BACALLAU"



Mañá, don Benigno, vai preparar un saboroso bacallau á Gomes de Sá. Ademais coma aperitivo haberá lamprea.

Para tan ricos manxares o xornalista de investigación Tomás Alonso desprazarase ata a vila pontevedresa de Arbo, a beira galega do río Miño para ver como os pescadores da zona levan a cabo unha tradición secular: a pesca da lamprea con viturons.

Co monstro mariño no cesto Tomás regresa a casa coa satisfación de ter ben feito o seu traballo. Agora tócalle a vez a Benigno, o cociñeiro, a ver como se porta e como sae todo. Veremos como lle queda o seu prato e que din os larpeiros. Eu non o perdería, lambonciños!!

jueves, 16 de junio de 2011

RECEITA - ALBÓNDEGAS CON SALSA DE VERDURAS


INGREDIENTES (para 5 persoas):

600 gr de carne picada de tenreira ou porco (ou porco celta)

2 cenorias

1 cebola grande

2 ovos

Faragulla de pan

Fariña de trigo

Aceite de oliva

Sal



SALSA

1 cebola

1 pemento vermello

1 cenoria

1 allo porro

1 dente de allo

1 tomate pelado

1/2 vaso de caldo de carne

1/2 vaso de viño

Sal



- Nun recipiente fondo poñemos a carne, de tenreira ou porco (ou porco celta), ou a mestura das dúas, cunha parte de porco por tres de tenreira, a cebola e a cenoria moi picadas, a faragulla de pan remollada en leite ou auga, segundo o gusto de cadaquén, e ben escoada, e os ovos. Amasámolo todo e facemos unhas bólas, que enfariñaremos antes de fritilas nunha cazola con aceite. Retirámolas ben escoadas e reservámolas para máis adiante.

- No mesmo aceite coado facemos un refrito co resto das verduras picadas, ao que engadiremos as albóndegas, o caldo de viño, e tras douralas un pouco deixamos cocer durante quince minutos.

- Botamos as albóndegas nunha fonte e cubrímolas coa salsa, que previamente pasariamos por un pasapurés.

- Unha boa gornición podería ser un arroz en branco.

viernes, 10 de junio de 2011

RECEITA - POLBO CON PATACAS

INGREDIENTES (para 5 persoas):

1 polbo de 2 kg

500 g de patacas

1 cebola grande

3 dentes de allo

1 pemento vermello

1 pemento verde

1 tomate pelado

200 g de chícharos

1 cenoria

1 cullerada de pementón moído doce

Aceite de oliva

Sal

- Nunha pota poñemos a auga a ferver e, cando entre en ebulición, engadimos o polbo, previamente desconxelado e ben limpo (se o polbo fose fresco, deberiamos conxelalo uns días, para que estea máis tenro), deixamos que coza durante vinte minutos e reservámolo, o mesmo que o seu caldo.

- Nunha cazola á parte facemos un refrito con todas as verduras, e deixamos o tomate picado para o final. Cando estea listo, engadimos as patacas cortadas en anacos e o pemento moído. Mesturámolo todo xunto co caldo que reservaramos do polbo, e deixamos que coza ata que as patacas estean feitas, momento en que engadimos o polbo cortado coma se fose á feira, e deixamos que se faga todo durante uns cinco minutos.

RECEITA - LURAS RECHEAS NA SÚA TINTA

INGREDIENTES (para 5 persoas):

5 luras grandes ou medianas

3 cebolas grandes

1 tomate

4 dentes de allo

1 vaso de viño branco

Sal

Aceite de oliva

- Limpar ben as luras con moito coidado e conservar a súa tinta.

- Picar as aletas e as cabezas cos tentáculos e refogalas ben cunha cebola picada. Con este refrito encheremos o corpo das luras, que podemos pechar cuns escarvadentes.

- Nunha cazola á parte poñemos seis culleradas de aceite, no que botaremos as dúas cebolas restantes ben picadas, xunto co allo laminado, que douraremos sen que se queime, para logo incorporar o tomate pelado e picado xunto co viño. Refogámolo todo e incorporamos a tinta das luras e o sal, segundo a gusto de cada un. Cando a salsa estea ben feita, triturarémola co batedor. Xuntarémola coas luras e deixarémolo todo a lume baixo ata que estean cocidas, variando o tempo dependendo do tamaño das luras.

- Se fosen conxeladas, tamén podemos usar tinta de chocos ou dunha xiba grande.

- A gornición perfecta pode ser un arroz en branco cuns anacos de pan torrado.

martes, 7 de junio de 2011

UN SEÑOR CON OITO PERNAS!



Esta noite ás 21:55 na TVG podedes ver un novo capítulo das aventuras dos larpeiros, e como non, disfrutar dun novo prato do mestre Benigno. Bó proveito lambonciñ@s!

martes, 31 de mayo de 2011



Esta noite os larpeiros comandados polo mestre dos fogóns, Benigno Campos, cociñarán unhas luras recheas con arroz.
Para tan exquisito manxar, Tomás desprazarase ata Cambados, onde embarcará con José Benito e a súa tripulación para pescar unhas luriñas coa arte do boliche.
En fin, veremos como sae todo. As 21:55 na TVG!

jueves, 26 de mayo de 2011

RECEITA - NAVALLAS CON ARROZ

INGREDIENTES (para 5 persoas):

4 ducias de navallas

500 gr de arroz

1 cebola

1 pemento vermello

tomate triturado

allo, perexil e sal

aceite de oliva

azafrán e colorante

- Poñemos auga a ferver e , cando burbulle, botamos as navallas, que se abrirán rapidamente. Retirámolas do lume e sacamos a carne das cunchas, á vez que reservamos a auga da cocción.

- Nunha cazola poñemos aceite e facemos un refrito coa cebola picada, o pemento, o allo, o perexil e o sal machucados, ao que engadiremos o tomate cando a cebola estea transparente. Unha vez feito o refrito, botamos o arroz, poñemos azafrán e incorporamos o resto do caldo de cocer as navallas. Darémoslle o tempo de cocción preciso para facelo caldoso.

- Podese cambiar o arroz por fideos, nese caso deben estar "al dente".