martes, 22 de febrero de 2011

RECEITA - RABO DE TOURO

INGREDIENTES (para 5 persoas):
2 kg de rabo de touro
Allo, perexil e sal
Fariña
1 cebola
1 pemento vermello
1 cenoria
2 porros
1 rama de apio
2 tomates
Aceite de oliva
Coñac

- Cortamos o rabo en anacos de cinco centímetros, aproximadamente, adubámolo con allo, perexil e sal machucados, pasámolo por fariña e dourámolo nunha cazola con aceite.

- Cando estea dourado, botámoslle a cebola, o pemento e un par de porros picados, a rama de apio, a cenoria picada e un par de tomates en anacos, refogámolo todo e incorporamos a copa de coñac, cubrímolo con auga e deixamos que coza tapado a lume baixo ata que a carne se desprenda ben do óso (mellor nunha ola rápida ou a presión).

- Como gornición, un arroz en branco vaille moi ben.

Hoxe martes 22, ás 21:55 na TVG veredes unha nova entrega de Larpeiros, neste caso sobre o pemento de Arnoia. Onde ademáis, don Benigno fará unha visita a casa de turismo rural "A Parada das Bestas" en Palas de Rei. Non o perdades!!

lunes, 29 de noviembre de 2010

NOVAS RECEITAS DA COCIÑA DE LARPEIROS



http://www.editorialgalaxia.es/catalogo/libro.php?id_libro=0010340081



Xa está á venta o segundo libro de Larperios, coas novas receitas do programa, e que inclue un CD no que figuran a maioría das cantigas populares galegas que Lola Gestido e Benigno Campos, interpretan na cociña.
Este libro segue o mesmo estilo do anterior, con receitas tradicionais nas que se empregan produtos da terra e fáciles de conseguir. E no que o mestre Benigno recomenda o viño que debe acompañar a cada prato.

martes, 16 de noviembre de 2010

Outono Gastronómico 2010


Por cuarto ano consecutivo Turgalicia, en colaboración coas asociacións de turismo rural de Galicia, pon en marcha a campaña de promoción denominada “Outono Gastronómico en Turismo Rural”.
Do 15 de setembro ao 15 de decembro de 2010, o Turismo Rural de Galicia celebra o seu 4º OUTONO GASTRONÓMICO. Son máis de 100 casas rurais as que nos invitan a coñecelas e a gozar dalgunha das súas máis de 200 propostas gastronómicas diferentes. Cada unha das casas rurais ofrecerá un ou dous menús exclusivamente concibidos para esta ocasión.
A oferta do “Menú Outono Gastronómico” inclúe os entrantes, primeiros e segundos pratos, sobremesas, cafés ou infusións, viños ou outras bebidas polo prezo global de 30 €/persoa (IVE incluído). Tamén se ofrece a posibilidade de adquirir o “Paquete Outono Gastronómico” que permite degustar o menú outono gastronómico e pernoctar na casa de turismo rural elixida, incluíndo os almorzos do seguinte día dentro da oferta. O prezo é de 100 € /2 persoas en cuarto dobre ou de 60 €/1 persoa en cuarto individual. Pero a mellor opción para este ano de crise é a oferta completa da “Fin de semana Outono Gastronómico”. Neste caso inclúe 2 menús outono gastronómico por persoa, aloxamento e almorzo nunha das casas de turismo rural participantes nesta promoción (noite de venres e de sábado). O prezo é de180 €/2 persoas en cuarto dobre ou de 120 €/1 persoa en cuarto individual. Ademais este ano, aloxándose en calquera dos establecementos adheridos a este 4º Outono Gastronómico, pódese conseguir algún dos 120 premios directos escondidos no interior das casas rurais participantes.
Agardan fins de semana, paquetes gastronómicos e menús gratis para agradecer a confianza dos nosos turistas.As mais de 100 casas que desenvolven esta campaña ofrecen estes servizos durante os venres, sábados e domingos dos meses citados, proporcionando unha boa oportunidade para que o público que aínda non coñece o turismo rural de Galicia se achegue aos pazos, ás casas grandes, ás casas rectorais, ás casas de aldea e ás casas de labranza que compoñen a oferta galega deste senlleiro sector. A proposta invita a aproveitar esta oportunidade para achegarse á historia e ao patrimonio dos “Pazos de Galicia”, hoxe coidadosamente rehabilitados, para revivir a época das señoriais “Casas Grandes”, para pasar una noite nunha auténtica “Casa Reitoral” ou para sentir o latexo da vida rural das “Casas de Aldea” ou das “Casas de Labranza”.
Estes menús xunto con toda a información desta campaña pode ser consultada na páxina web de Turgalicia, www.turgalicia.es, de xeito que os clientes poden estudar previamente tanto as composicións dos menús como as fotografías e o resto das características das casas participantes, a fin de facilitarlles a elección mais acaída aos seus gustos. Elixa entre as máis de 100 casas rurais participantes e regálese un xantar moi especial.
(Ofertas válidas en venres, sábados e domingos do 15 de setembro ao 15 de decembro de 2010)+ Información: www.turgalicia.es / 902 200 432

jueves, 30 de septiembre de 2010


Lembrade que na páxina web da TVG podedes ver aqueles programas de LARPEIROS que máis vos gustaron:
http://crtvg.es/TVGacarta/?prog=431

lunes, 13 de septiembre de 2010
















Lambonciños e lambonciñas, xa queda menos para o regreso dos larpeiros con novas receitas e grandes aventuras.

Estade atentos que moi pronto anunciaremos a data

viernes, 23 de julio de 2010


¿Queres ser un larpeiro? ¿Gústache cociñar, comer e falas galego? Colga no noso facebook un video de 1 minuto contándonos que che gusta cociñar e comer, claro!! Anímate e participa, os larpeiros agardan por ti!!