lunes, 9 de febrero de 2009

A Deus rogando...

Novembro de 2008. Desprazámonos ata Moaña para que César nos ensinase cómo é un día de traballo na súa batea. Por certo, é un traballo moi duro e sacrificado, desde entón parécenme moito máis baratos estes animaliños alaranxados. Este programa, no que Benigno cociñou uns marabillosos garavanzos con mexillóns, poderedes velo ó mércores 18 de febreiro. E aqui me tedes, cun martelo de grandes dimensións co que golpeei unha e outra vez a pechadura da cesta dos moluscos para ver se abría. Non vou desvela-lo final da historia. Teredes que vela no próximo programa de Larpeiros. Ata entón...

jueves, 5 de febrero de 2009

O sorriso das larpeiras

Outubro de 2008. Chega á casa unha nova larpeira. Loliña de Mañufe (primeira pola dereita) conquistounos a todos coas súas habilidades reposteiras e o seu sorriso, porque o de Cruz e o de Lola xa o coñeciamos. As tres conectaron axiña para intercambiar receitas, vivencias e algún que outro chisme. As tres son moi boas cociñeiras, moi boas cantantes e, sobre todo, moi boas compañeiras. Espero volver a ve-las moi pronto e co mesmo sorriso. E a Lola de Mañufe coa mesma man para o biscoito. Nesta foto falta Marian, a larpeira vexetariana, pero seguro que volverá ó blog outro día. Bicos a todas, larpeiras.

miércoles, 4 de febrero de 2009

David Middleton, o rei da cervexa ecolóxica


Setembro de 2008. Visitamos a península do Morrazo para ver como elaboraba David Middleton a súa cervexa natural, ecolóxica e artesanal.Foi todo un pracer degustar aquel zume de cebada que conquistou a todo o equipo de Larpeiros. A finais de marzo veremos en acción no programa do Polo con cervexa a este profesor de comunicación non verbal e artista polifacético que hai vinte anos namorou de Galicia e decidiú unirse a nós para aprendernos que somos un referente no que boa vida se refire, aínda que as veces o esquezamos. No San Martiño, centos de persoas acoden á súa casa-bar para dar conta dunhas trescentas botellas; ata que non rematan coa colleita desa campaña non se pode dicir no barrio de Abelendo, en Moaña, que as festas están rematadas. O ano que ven, volveremos. Grazas por recibirnos e darnos uns grolos da túa colleita limitada de cervexas Middleton 2008. O mellor é que envasa toda a súa produción en botellas da antiga Pitusa, así que ademais de rica e sá esta cervexa tamén axuda á reciclaxe. Thank you, David.

martes, 3 de febrero de 2009

Son aquelas pequenas cousas


Xaneiro de 2009. Dicir a estas alturas da película que os pequenos detalles son os que fan grande un programa semella unha obviedade, pero nunca está de máis. Como di o noso mestre e gurú Xosé Cermeño, máis vale partir dun tópico que chegar a el. Así que, como creo que é de xustiza, mándolles aquí unhas liñas a Eva, a Simón e a Paula. Dúas produtoras e un pinche de cociña que en cada gravación fixeron o seu traballo e un pouco máis; porque facer ben o chollo vai implícito no soldo, pero facerlle a vida máis agradable ós que traballan contigo vai no carácter e saber manexar as sitiacións de tensión non está ó alcance de todo o mundo. A Simón espero volver a velo na terceira temporada, porque a súa humildade e a súa profesionalidade son necesarias para que brille o traballo dos larpeiros. Para Benigno, o gran Simón, é unha axuda fundamental á hora de facela compra e de preparalos pratos. A Eva e a Paula espero velas mañá, alguén terá que soportarme cando dea a paliza co meu blog. Este recoñecemento era o menos que podía facer para que sigan entrando en obxectivo larpeiro. Grazas os tres, compañeiros!

lunes, 2 de febrero de 2009

As albóndigas de Nico Villar


Nadal de 2008. Xa sei que a foto non se corresponde co título, pero o blog é meu. Os retratados coincidimos nos Viveiros do Berbés, en Vigo. Nico, un tipo de gorro vermello ó que non recoñezo pero que debo ser eu, Papa Noel e un lumbrigante que metía medo mesmo coas tenaces atadas. Nicolás Villar acudiú á chamada dos larpeiros para asesorarnos sobre cómo elixir con criterio unha ducia de nécoras para que Benigno as pasase pola tixola, un prato que, por certo, provocou moita inquietude no contorno do programa, pero que uns días máis tarde Benigno resolveu coa súa habitual mestría. Aquel día, no que se desenvolveu diante da cámara coma un profesional do medio, decidimos convidalo á casa para que fixera unha orixinal receita de albóndigas con piñóns e salsa de queixo de Arzúa-Ulloa; ese programa poderemos velo este mércores 18 de febreiro. De verdade, eu nunca provei unhas boliñas de carne picada tan sabrosas. Agora Nico, que traballa como cociñeiro no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, debe estar a piques de enrolarse no barco dun importante deseñador alemán para realizar unha travesía de seis meses polos diferentes portos do noso continente. Nico, volve canto antes que necesito unha nova dose desas albóndigas tan orixinais. Entre as femias do equipo, debo recoñecer, tamén causaron furor as boliñas do rapaz. Grazas por comparti-la túa sabedoría culinaria cos larpeiros e, cando queiras, aquí estamos!

jueves, 29 de enero de 2009

Larpeiras nas escaleiras


Nadal de 2008. Coas larpeiras nunca se sabe. As veces suben, as veces baixan e as veces marchan de viaxe como a señoriña Lemos, unha larpeira viaxeira que sempre anda detrás das cámaras e que agora decidiú colocarse diante para pousar xunto a Marian, primeira pola esquerda, Cruz, a que leva lentes, e Lola, a do mandil. Marta é a de pelo rizado, a máis morocha das catro. Ela, ademais de facer un marmelo con noces de primeira división, nos seus ratos libres é guionista e documentalista do programa. Nunhas horas estará voando cara a Polinesia na procura de quen sabe que ou quen. Moi boa viaxe e feliz estadía de parte de todo o equipo de Larpeiros. Marian quedará aquí coas súas masaxes terapéuticas e a súa filosofía zen, ademais de dar algúns cursiños de cociña vexetariana nas aulas de Caixanova. Cruz seguirá coa súa cruzada anti-leite de vaca (so bebe leite de soia ou en pó) mentres atende as súas tendas de zapatos e Lola, ay!, Loliña, entre o coro e César non vai ter tempo para nada, bueno, para ver ós netos sácase tempo de calquera parte. Falta Manola, que estivo facendo no primeiro programa uns chocos riquísimos con arroz e falta Lola de Mañufe, que xa terá o seu lugar no blog máis adiante, ah!, e Mari, que nos fixo uns garavanzos con mexillóns estupendos. Igual non están tódalas que son, pero sí son tódalas que están. Grazas a todas por ser tan riquiñas. Bicos mil, larpeiras!

martes, 27 de enero de 2009

Tres larpeiros e unha chiruca

Novembro de 2008. Os deuses estaban do noso lado. Un día espléndido do marabilloso outono galego en Praia América. Tres homes e as súas armas, Novoa coa cámara, Alonso coa cana e Cermeño coa súa experiencia de pescador profesional debaten sobre a maneira na que poderían capturar unha robaliza de dous quilos e así aforrarlle uns cartiños ó departamento de produción. As dez da mañá o soño destes homes parecía tan complexo coma que un negro chegase á Casa Branca. As dúas da tarde o de Obama estaba case feito e o da robaliza era unha hipótese de traballo coa que xa case ninguén do equipo contaba. Quince minutos despois unha bota marrón de boy scout, a coñecida como chiruca, enganchábase na rapala de Tomás e case acababa coa bonita cana que Cermeño lle prestara para a ocasión. Seguinte fotograma da película: Peixería Casa Botas de Vigo, tres tipos de mediana idade, un deles con gorra vermella, outro cun chapeu de Papa Noel e un terceiro cunha cámara pendurada do ombreiro mercan unha soberbia robaliza de dous quilos que logo iría directamente ás mans de don Benigno. Máis cedo que tarde esa robaliza ha ser nosa. Seguro!